Tiven o meu primeiro contacto cos monicreques en 1987, desde aí a 1997, ano en que fundamos Trompicallo traballei en diferentes proxectos con diferentes compañías: Falcatrúa, Teatro Galileo, Compañía do Dragón, Tres globos, Os Monicreques de Kukas e o CDG (Centro Dramático Galego), participei nesta etapa en 15 espectáculos. Con todas estas compañías aprendín moito e a todas estou agradecida.
No 97, xunto a Luis González naceu Trompicallo, estreamos once espectáculos en 22 anos, un deles en coprodución con Kalina teatro, en todos eles tivemos a oportunidade de colaborar con grandes profesionais, directores, escenógrafas, músicos, actrices… que achegaron o seu talento ás nosas creacións. Novamente de todas aprendín e a todas, a todos estou agradecida.
Ao longo destes anos e ata o de agora fun completando a miña fomación, sempre con cursos independentes, xa que esta é a única maneira de formarse en teatro de monicreques neste país. Tiven a oportunidade de aprender de grandes mestras e mestres como: Phillippe Genty e Mary Underwood, Manuel Román, Lluisa Sala (Instituto de Teatro de Barcelona), Yang Feng, Jiri Yaros (director do Teatro Central de Praga), Yin-Bay-Li… por citar algunhas dentro do mundo do teatro de monicreques e con outras pertencentes a outras disciplinas, xa que o noso oficio abrangue infinidade de facetas.
Agora, no 2025, trinta e sete anos e vinte e seis espectáculos despois, e como nunca é tarde para empezar de novo, zarpo con Nao Caracola e este primeiro espectáculo, “Esperta o rinoceronte”, no que tiven a sorte de reencontrarme cun daqueles mestres, Manuel Román, que puxo o seu talento, que é moito, ao servizo desta historia que pon o foco na nosa capacidade para mirar para outro lado ante as desgrazas do mundo.
O noso rinoceronte está durmido.
Marián González




info@naocaracola.com +34 636 860 927
© 2025. Todos os dereitos reservados